Thursday 19 de September de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 27 de setembro o espectáculo gratuíto “Os Bolechas na máquina do tempo”


O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 27 de setembro, ás 18:00 horas, o espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”. Unha actividade de dinamización lingüística protagonizada polas creacións de Pepe Carreiro que chega a Lousame da man do programa FalaRedes, no que participa o Concello de Lousame. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

“Os Bolechas na máquina do tempo” é un espectáculo para todos os públicos que mestura monicreques manipulados por actores á vista con actores reais. Unha representación que ten unha duración de 60 minutos e cuxos contidos están especialmente adaptados a escolares de infantil e primaria.

Ademais do compoñente lúdico que prima nesta proposta, “Os Bolechas na máquina do tempo” permitirá achegar unhas primeiras nocións de historia aos nenos e nenas de Lousame a través dun concurso. Por cada proba que superen os rapaces de Lousame, os Bolechas recibirán unha batería que lles permitirá volver ao presente tras unha longa e emocionante viaxe polo tempo.

Esta é a segunda visita que os personaxes de Pepe Carreiro fan escala no municipio, a primeira despois da presentación do libro “Os Bolechas van a Lousame”, editado en outubro de 2014. En ambas ocasións, o salón de actos da Casa da Cultura quedou pequeno ante a afluencia de nenos e nenas de toda a comarca.